O Concello de Carballo avanza cara á apertura da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa avenida de Razo

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un convenio coa propiedade da parcela denominada Chousa do Muíño da Pintura para a cesión dos 3.604 metros cadrados de terreo precisos para abrir a fase 1D da nova estrada.

O proxecto do sistema xeral viario está dividido en catro fases. A fase 1A, que está en execución nestes momentos, abrangue o traxecto comprendido entre a rotonda do polígono e a avenida dos Abetos, así coma o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, que quedará integrada no itinerario alternativo á estrada comarcal AC-552.

A actuación, que executa a empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, está pendente do aglomerado dos 800 metros de vía de case 14 metros de ancho que xa están abertos, e que constarán de dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, pola marxe dereita. Tamén se instalará iluminación e plantaranse 35 árbores.

A fase 1B está pendente da consecución dos terreos, aínda que o proceso de expropiación xa está en marcha e está previsto completalo en breve. Este mesmo sistema utilizarase para obter o solo necesario para a fase 1C, e o expediente iniciarase este mesmo ano. O solo preciso para o desenvolvemento da fase 1E, a máis próxima á avenida de Razo, xa é de propiedade municipal.

Convenio urbanístico

O acordo aprobado esta semana pola Xunta de Goberno Local correspóndese coa fase 1D. A parcela afectada ten unha superficie catastral de 9.977 metros cadrados, dentro dos cales está incluída a nova vía, que ocupará unha superficie de 3.604 metros cadrados. Grazas ao convenio, o Concello de Carballo obtén esa cesión de xeito anticipado.

Estamos a falar dunha parcela de especial importancia, tanto para o funcionamento axeitado do ámbito no que se atopará o Centro Integrado de Saúde, pendente da súa construción por parte da Xunta de Galicia, como para a mobilidade xeral nesa zona. De aí a importancia do acordo acadado coa propiedade, como tamén se fixo para a obtención da parcela que permitirá a ampliación do edificio sanitario.

Por medio deste convenio, a propiedade mantén o aproveitamento urbanístico que corresponde aos seus terreos e a Administración consegue a superficie necesaria para acometer a execución do sistema xeral viario previsto no PXOM. Ao mesmo tempo, desde o Concello de Carballo recoñécese a cesión, no ano 1988, dunha superficie de 990 metros cadrados para a construción do centro de saúde, sen que ata o momento a propiedade recibise prestación algunha.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño