O Concello de Carballo continúa avanzando na mellora das infraestruturas hidráulicas da parroquia de Rus con dous proxectos destinados a reforzar tanto a rede de abastecemento de auga como o sistema de saneamento. Trátase de actuacións que permitirán mellorar a calidade dos servizos básicos e avanzar na protección ambiental do municipio.
Visita ás obras de ampliación da rede de abastecemento
As obras de mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus atópanse actualmente en execución. O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, acompañado polos concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales, comprobou sobre o terreo o avance dos traballos.
O proxecto ten como obxectivo ampliar a rede municipal de abastecemento para garantir o acceso á auga potable en varios núcleos da parroquia que aínda non contaban cun servizo completo ou presentaban problemas de presión. As actuacións benefician directamente aos lugares de O Pereiro, O Val, A Vixoteira, Nogareda, A Canosa, Liñares, Ramil, Braña de Abaixo, Braña de Arriba, Casal de Perros, Outeiro, Outeiro de Arriba e Outeiro de Abaixo.
As obras inclúen a instalación de novas conducións, arquetas e válvulas de control, así como a execución das gabias necesarias para a colocación das tubaxes e a posterior reposición dos pavimentos. Ademais, prevese a instalación de grupos de presión en puntos estratéxicos para garantir unha presión adecuada na rede e mellorar o funcionamento do sistema.
Tamén se incorporarán sistemas de medición e telecontrol que permitirán optimizar a xestión da rede e detectar posibles incidencias con maior rapidez.
Novo proxecto de saneamento na Canosa, en licitación
De forma paralela, o Concello de Carballo ten en marcha o proceso de contratación dun novo proxecto de ampliación da rede de saneamento no lugar da Canosa, tamén na parroquia de Rus.
Esta actuación permitirá resolver a situación actual dun tramo da rede que verte directamente ao río Grande mediante unha rede unitaria. O proxecto prevé a construción dunha nova rede separativa para as augas residuais e a instalación dunha estación de bombeo que permitirá impulsalas ata a rede existente, que conduce as augas á depuradora de Noví.
Deste xeito eliminarase o punto de vertido actual e mellorarase a protección ambiental da contorna.
A obra atópase actualmente en fase de licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 23 de marzo para presentar as súas ofertas.
Mellora continua das infraestruturas municipais
Con estas actuacións, o Concello de Carballo continúa reforzando as infraestruturas básicas do municipio, ampliando a cobertura dos servizos públicos e garantindo unha xestión máis eficiente e sostible da auga na parroquia de Rus.
De ámbolos dous proxectos falouse tamén na xuntanza do consello parroquial, na que por parte da veciñanza establecéronse as próximas actuacións prioritarias: a construción dunha senda peonil desde A Canosa ata a igrexa, unha demanda que se trasladará á Deputación da Coruña, titular da vía, e a posta en valor do lugar de Ferrol, unha proposta na que o goberno municipal coincide plenamente e na que se empezará a traballar a curto prazo.