O Concello de Carballo avanza para impulsar o proxecto de renaturalización da contorna do Rego da Balsa

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de expropiación dos terreos do ámbito SX-EL6, primeiro paso administrativo para dispoñer do solo necesario para desenvolver unha das actuacións incluídas no Plan EDIL.

A intervención permitirá completar o gran corredor verde previsto polo PXOM na contorna do Rego da Balsa mediante a incorporación de 17.774 metros cadrados destinados a espazos libres e zonas verdes. Estes terreos sumaranse ao ámbito SX-EL5, que xa é maioritariamente de titularidade municipal, co obxectivo de configurar unha área ambiental continua.

A obtención das parcelas realizarase polo procedemento de taxación conxunta, segundo o proxecto redactado por Estudio Técnico Gallego, S.A. O investimento previsto para esta fase ascende a 97.147,76 euros.

A dispoñibilidade destes terreos é fundamental para executar o proxecto de renaturalización da zona urbana e creación de eixes verdes arredor do Rego da Balsa. A proposta inclúe a creación dunha nova zona verde, a transformación do espazo de aparcamento do Centro Comercial Bergantiños, a conexión co corredor fluvial mediante novos itinerarios peonís e ciclistas e a reurbanización das rúas Ánxel Fole e Enrique Sánchez para achegar as zonas verdes ao centro urbano.

Esta actuación forma parte dos investimentos que xa contan con financiamento europeo a través do Plan EDIL, polo que o avance nos trámites de xestión do solo resulta clave para cumprir os prazos de execución.

Tras a publicación oficial da aprobación inicial, o expediente someterase a información pública durante un mes para que persoas interesadas poidan presentar alegacións relativas á titularidade ou á valoración dos bens. O Concello notificará individualmente ás persoas propietarias afectadas.

Con este paso, Carballo continúa avanzando nun modelo urbano máis sustentable, con máis natureza integrada na vila e mellores conexións peonís e ciclistas para a veciñanza.

Related posts

Vimianzo renova coa Deputación o convenio para a xestión cultural e turística do Castelo e os Batáns de Mosquetín

Preto de 80 participantes na nova edición do programa da Universidade Sénior da UDC na Costa da Morte

Camariñas abre as inscricións para a súa XIV Carreira Pedestre e solidaria