- Actualmente hai máis de 200 empresas adheridas á campaña de recollida selectiva de residuos
O Concello de Carballo volve apostar pola xestión sostible dos residuos cunha nova campaña dirixida especialmente ao comercio e hostalería da localidade. Nestes momentos máis de 200 empresas forman parte desta rede de colaboración, pero desde o Goberno local agardan chegar a máis de 500 establecementos.
Segundo sinalan desde o consistorio, un dos servizos mellor valorados polo comercio carballés é o de recollida de cartón pregado porta a porta que se realiza os luns, mércores e venres. Cada ano recóllense unha media de 150 toneladas de cartón por este sistema pero, para facilitar aínda máis ese labor, nas visitas que se están a realizar tamén se entrega cinta de embalar personalizada que facilita o depósito deste material a pé de rúa. «Do que se trata é de mellorar as cifras porque, aínda que Carballo é un concello de referencia en xestión sostible dos residuos, estamos aínda lonxe dos indicadores recomendados pola Unión Europea», sinalou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación da campaña que tivo lugar este luns e na que estivo acompañado polo concelleiro de Servizos, Luis Lamas; por un traballador de Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, e por Ana Regueira, a técnica que se encargará das visitas ás empresas.
No municipio carballés segue activo o programa Ti tes a chave de recollida de bio-residuos, que conta xa con máis dun cento de grandes consumidores adheridos e máis dun milleiro de familias; o de recollida de aceite usado, que tamén se realiza porta a porta para grandes produtores, ou de vidro e plástico. Do mesmo xeito que ao comercio se lle entrega a cinta de embalar, o esforzo da hostalaría recompénsase dun mandil que recoñece o seu compromiso medioambiental.
O concelleiro Luis Lamas fixo un chamamento a comerciantes e hostaleiros a apostar pola separación dos residuos polos «beneficios económicos e ambientais que supón, poñendo deste xeito o noso gran de area para facer fronte ao cambio climático, que constitúe a maior ameaza medioambiental á que debe facer fronte a humanidade».
Os datos recollidos nas visitas que xa se están a realizar introdúcense nunha aplicación informática que permite coñecelos en tempo real e facilitará a valoración e, de ser o caso, a intervención nas cuestións que expoñan as empresas. O concelleiro de Servizos amosou a disposición do Concello de Carballo a adaptar os servizos públicos ás necesidades dos seus usuarios, neste caso concreto ás empresas, e destacou a boa acollida que teñen as campañas que se veñen realizando, moitas delas en colaboración con Ecoembes, Ecovidrio, Sogama ou Urbaser. A última, que consistiu en ofrecer aos negocios interesados contedores para recollida de pilas, recibiu 19 peticións en poucas horas. A oferta segue en pé, simplemente chamando ao 981 754 917.