O Concello de Carballo concederá 1.000 euros a 162 locais hostaleiros

1 minutes read
  • Este diñeiro complementa as axudas autonómicas do plan de rescate específico para este sector

O Concello de Carballo adoptará este luns dous acordos que permitirán aliviar a situación do sector da hostalaría. No pleno ordinario aprobarase o suplemento de crédito correspondente á parte que se achegará dende as arcas municipais, e que suma 162.000 euros, mentres que na Xunta de Goberno Local darase luz verde ao convenio co Goberno autonómico para conceder axudas aos negocios afectados polos peches xerados coas restricións.

Carballo é un dos centos de concellos galegos que contarán cun plan de rescate específico para o sector da hostalaría. Grazas a un acordo coa Xunta, quen compensará os peches cunhas axudas que poden ir desde os 1.900 ata os 3.700 euros, o Concello de Carballo complementará esas cantidades con 1.000 euros para cada establecemento. «A Xunta xa nos facilitou o número de solicitantes, que no caso de Carballo foron 162, e por iso a partida será de 162.000 euros, que se financiarán con cargo ao remanente do exercicio anterior”, destacou o rexedor.

As subvencións concédense a cada establecemento, á marxe da súa titularidade, e son compatibles cos plans de axuda a persoas autónomas e microempresas.

Outros asuntos
No pleno tamén se abordará a actualización do inventario municipal de bens, que ten un valor de máis de 300 millóns de euros; a conta de recadación do ano 2020; a renovación do convenio coa Secretaría de Estado de Facenda para a xestión catastral; unha modificación no rueiro para dedicarlle unha praza a Xela Arias, autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, e dúas mocións de Terra Galega sobre o circuíto do motor e unha cuestión catastral relativa a uns terreos de Razo.