- Na Xunta de Goberno aprobouse o expediente de contratación do servizo, que leva 14 anos facilitando a conciliación a centos de familias carballesas
Catorce anos axudando a conciliar a vida laboral e familiar de centos de nais e pais do alumnado dos centros de infantil e primaria de Carballo merecen un novo apoio. E así quedou constatado na Xunta de Goberno local, onde se aprobou o expediente de contratación deste servizo durante os vindeiros catro anos por un importo total de 371.815,08 euros. O contrato realizarase por un ano, prorrogable ata un máximo de catro, e o prezo anual será de 88.527,40 euros.
O programa, xestionado dende o Centro de Información á Muller (CIM), funciona dende as 07.00 horas ata o comezo das clases durante todo o curso escolar, incluídos os períodos vacacionais recollidos no calendario académico.
O servizo funciona actualmente nos colexios Fogar e Bergantiños, pero dende a Concellaría de Igualdade e Benestar ofrécese a posibilidade de implantalo en calquera outro centro no que exista un número mínimo de usuarios/as.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta semana o expediente de contratación do servizo de asesoría xurídica do CIM por un ano, prorrogable ata un máximo de catro, e un prezo anual de 17.579,67 euros.