A corporación municipal aprobará no pleno ordinario do luns 26 de xaneiro a adxudicación do servizo externo de axuda no fogar, un servizo esencial dirixido a persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade, co obxectivo de que poidan seguir vivindo na súa casa con apoio profesional. Dada a contía do contrato, que acada os 11.240.959,65 euros para un total de cinco anos de duración, o acordo debe ser adoptado en sesión plenaria.
O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, deron a coñecer hoxe os detalles da proposta da mesa de contratación. O servizo será prestado por unha unión temporal de empresas integrada por SIAD 24 Galicia e Protección Geriátrica 2025 SL, cun prezo de 26,624 euros por hora. O contrato ten unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de cinco anos, o que garante a continuidade e estabilidade do servizo.
Ademais da atención domiciliaria habitual, o contrato inclúe servizos complementarios sen custo para as persoas usuarias, como fisioterapia, podoloxía, atención psicolóxica, servizo de peiteado e a cesión de axudas técnicas (camas articuladas, grúas, colchóns antiescaras ou cadeiras de baño).
O Concello financiará este servizo con cargo ao seu orzamento municipal e velará polo cumprimento das condicións laborais, sociais e de calidade establecidas no contrato. Con esta adxudicación, o Concello reafirma o seu compromiso coa atención social de proximidade e co benestar das persoas que máis apoio precisan. Tal como indicou a concelleira, en Carballo son preto de 400 as persoas usuarias do SAF, e o número de horas anuais do servizo está estimado en 85.000.
O alcalde lembrou que o financiamento do SAF debería ser asumido polo Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, pero, aínda que é unha competencia municipal impropia, a falta de fondos estatais e autonómicos para o seu sostemento obriga aos concellos a destinar ao servizo, “por responsabilidade”, unha importante parte dos recursos municipais, no noso caso moi por riba dos dous millóns de euros ao ano. Ademais do contrato do servizo externo que será adxudicado no pleno do luns, o Concello de Carballo conta cun equipo propio de persoal de axuda no fogar.