O Concello de Carballo destinará máis de 200.000 euros á mellora de vías urbanas

1 minutes read
  • As obras foron adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras e teñen un prazo de execución de tres meses

A Xunta de Goberno Local de Carballo adxudicou á empresa Arias Infraestructuras as obras incluídas nun novo proxecto de reparación de vías urbanas. O Concello investirá algo máis de 200.000 euros no arranxo dunha vintena de rúas: Orquídea, Xeranios, Enrique Labarta Pose, Otero Pedrayo, Antón Fraguas, Bolivia, Xosé Manuel Eirís, Manuel de Falla, Faustino del Río, Fernando Camarot, Reveriano Soutullo, Nardos, Pensamentos, Carré Aldao, Rosas, Caravel, Andrés Gaos, Escultor Asorey, Alfonso X O Sabio, Médico Justo Martínez, Juan Montes, Faustino Santalices, L’Isle Jourdain, Ricardo Portela e Doutor Fleming.

As actuacións, polo tanto, concéntranse na parroquia de Bértoa, no barrio das Flores e nas contornas do CEIP Bergantiños e do centro de saúde, xunto a algunhas actuacións illadas. O prazo de execución será de tres meses a partir da sinatura do contrato.

Na Xunta de Goberno Local tamén foron adxudicados outros servizos e obras como o subministro da plataforma da Bolsa de Traballo do Concello a Sernutec Servicios y Nuevas Tecnologías ou o de combustible para os vehículos do parque móbil municipal e maquinaria á Estación de servizo Carvolta. Covisam Norte será a encargada das obras de rehabilitación da cuberta e substitución da varanda da tribuna do estadio municipal das Eiroas e Grupivazgle deberá suministrar, mediante renting, un vehículo híbrido para a Policía Local.

Tamén foron aprobadas facturas por importe de 73.345,65 euros, a solicitude dunha subvención para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, a actividade Carballo Trail Race 2022 ou a apertura do expediente de contratación do servizo de limpeza de edificios municipais.