- No CEIP Fogar xa remataron as obras de acondicionamento da rampla de acceso e do patio de infantil
Apoiar un ensino público de calidade coa mellora das infraestruturas e servizos dos centros escolares é un dos obxectivos que persegue o Concello de Carballo. Coincidindo co inicio do novo curso escolar, a Administración explicou que durante os próximos meses destinará medio millón de euros a distintos proxectos.
O máis cuantioso levarase a cabo no CEIP Gándara-Sofán, no que se investirán 216.286 euros con cargo ao remanente de tesourería do ano 2020 para renovar a cuberta no pavillón deportivo, que tamén contará con gradas, novo equipamento e unha pasarela cuberta de comunicación co colexio, entre outras melloras.
Cos mesmos fondos tamén se mellorou a accesibilidade e a seguridade no CEIP Fogar coa renovación da rampla de acceso dende a avenida de Bergantiños e coa pavimentación do patio de infantil para a súa adaptación á normativa actual. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, achegáronse ata o colexio para ver o resultado das obras que se complementaron con pintura e a creación dunha zona de xogos tradicionais pintados no chan.
Agora mesmo está en execución o pintado e illamento na escola de Queo, na parroquia de Bértoa. Entre as dúas intervencións o Concello inviste 45.700 euros.
Por outra banda, a Concellaría de Educación reforzou este verán os labores habituais para contribuír á prevención da COVID-19. Nesta liña enmárcanse as accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga.