O Concello de Carballo empeza a recuperarse tímidamente do ciberataque sufrido

1 minutes read

Este xoves empezaron a funcionar o padrón de habitantes e o rexistro municipal, os primeiros servizos que puideron restablecerse tras o ciberataque recibido na madrugada do mércores. Tamén, os expertos despregados pola Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e as empresas que prestan apoio informático ao Concello de Carballo comezaron a revisar os terminais situados nos servizos periféricos (Servizos Sociais, Fórum Carballo, Pazo da Cultura, Museo de Bergantiños e Carballo Deporte) coa finalidade de determinar se a incursión cibernética causou algunha afección ou non. Neste último caso poderían empezar a funcionar en breve cunha nova conexión á rede. 

Este xoves celebráronse dúas xuntanzas de traballo coas persoas responsables de cada sección para darlles a coñecer a situación e establecer un sistema provisional que permita realizar os trámites máis urxentes, á espera de que ao longo da vindeira semana poida empezar a recuperarse a normalidade. 

Tamén se recibiu unha boa nova dende Altia, a empresa responsable dos servizos de almacenamento e copia de seguridade, xa que esta última non resultou afectada polo ciberataque. De xeito paralelo continúa a investigación por parte da unidade orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña sobre o ataque cibernético. 

Dende o Concello de Carballo trasladan o seu recoñecemento a todo o equipo técnico que está a traballar sen pausa pero sen présa para que a volta á normalidade se realice coa máxima seguridade, ao tempo que agradecen todas as mostras de apoio que están recibindo dende que se tivo coñecemento desta incidencia. 

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?