- A cifra é moi superior á media dos últimos anos debido a que tamén se venderon para chatarra os restos de varios coches que levaban anos almacenados
O Concello de Carballo enviou a despezar 35 vehículos abandonados durante o último ano. A cifra é moi superior á media de anos anteriores debido a que, ademais dos expedientes individuais correspondentes a vehículos abandonados no período 2019-2020, tamén se realizou un expediente único para un lote de 20 que levaban anos amoreados nun depósito temporal.
O despece é o destino final dos automóbiles despois dun longo proceso administrativo no que se esgotan todas as opcións para que sexan reclamados polos seus donos. Os vehículos chegan ao depósito municipal por dúas vías principais: tras ser retirados pola grúa por algún tipo de infracción ou ben tras constatarse a súa situación de abandono na vía pública por parte da Policía Local, a Policía Autonómica ou a Garda Civil.
Nos últimos tres anos, o Concello de Carballo enviou a despezar un total de 63 vehículos (12 no ano 2018, 16 no 2019 e 35 no 2020).