O servizo municipal de Protección Civil estableceu xa durante a pasada fin de semana, a raíz da chegada dos primeiros pellets, un dispositivo de vixilancia. Ao mesmo tempo, e ante a falta de indicacións por parte das Administracións competentes en materia medioambiental, o Concello de Carballo púxose en contacto con outros concellos afectados para saber como están actuando e poder articular un sistema de recollida. Ademais da empresa concesionaria do servizo de limpeza de praias, contarase co apoio de entidades medioambientais. En colaboración con Adega está previsto, en primeiro lugar, realizar unha acción formativa para as persoas que coordinarán a recollida, coa finalidade de facelo do xeito axeitado para evitar posibles afeccións ao ecosistema.
Desde o Concello de Carballo fan un chamamento á cidadanía para que en ningún caso se realicen limpezas espontáneas. As persoas que queiran colaborar poden poñerse en contacto coa Concellaría de Medio Ambiente.
Os pellets, coñecidos tamén como bágoas de serea, son bolas de plástico de menos de 5 milímetros de tamaño que se utilizan para fabricar outros produtos, como plásticos, botellas, contedores ou bolsas. Aínda que unha vez tratado non representa ningún perigo, no seu estado orixinal é tóxico, polo que a recollida debe realizarse coas debidas medidas de protección. Así mesmo, é importante non pisar as zonas nas que se localizan os pellets para evitar que queden soterrados baixo a area, o que dificultaría aínda máis o xa de por si complicado traballo de limpeza debido ao seu pequeno tamaño.
Este luns, acompañados polo coordinador de Protección Civil, os concelleiros Miguel Vales, Luis Lamas e Daniel Pérez fixeron un percorrido por toda a zona costeira. Pola mañá só se detectou a presenza de pellets nas praias da Pedra do Sal e Razo, en ámbolos dous casos mesturados con algas e outros restos arrastrados pola marea, fundamentalmente microplásticos, que, como apuntou o concelleiro de Medio Ambiente, constitúen outro grave problema medioambiental que desde o Concello de Carballo tamén se quere combater.