- Os camiñantes deberán manter unha distancia de 2 metros, e os ciclistas de 10
Os paseos diarios estanse a converter durante o estado de alarma nunha práctica xeralizada e moitos carballeses elixen para camiñar o Paseo do Anllóns.
Debido ás limitacións de horario, xa que a vila de Carballo supera os 5.000 habitantes e, polo tanto, seguen vixentes as franxas para pasear e facer deporte (de 06:00 a 10:00 e de 20:00 a 23:00 horas), en determinados momentos prodúcese unha afluencia moi elevada que dificulta o mantemento das medidas de distanciamento social. Coa intención de facilitalas, a Concellaría de Mobilidade acaba de establecer direccións recomendadas, convidando aos paseantes, nos treitos nos que é posible, a utilizar unha marxe nun sentido e a outra no contrario.
Este mércores comezará a colocación de carteis informativos ao longo das marxes do río, por unha banda, para indicar as direccións recomendadas e, por outra, para lembrar unha serie de normas básicas que faciliten a convivencia entre todo tipo de usuarios e usuarias.
Destácase a necesidade de manter as distancias de seguridade para evitar a propagación do coronavirus, que deben ser dun mínimo de 2 metros entre camiñantes pero, por exemplo, que no caso dos ciclistas amplíase a 10 metros.
