O Concello de Carballo facilita as xestións de pago dos tributos non domiciliados

PIXABAY

  • No caso dos contribuíntes que non teñan domiciliados os recibos, as cartas informativas tamén serven como documento de pago

O Concello de Carballo iniciou este martes a campaña informativa sobre os tributos correspondentes ao primeiro período voluntario do 2022: imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), taxa polo servizo de recollida de lixo na modalidade de vivenda e taxa pola reserva de espazo para vaos. Pero este ano «hai novidades», como informan desde o goberno local, a que para facilitar as xestións á cidadanía o Servizo de Xestión Tributaria vén de poñer en marcha un novo sistema que inclúe dous tipos de carta postal e diferentes modalidades de pago.

Este ano o Concello pon ao cobro un total de 42.730 recibos, dos que están domiciliados o 35,5%. Os titulares destes recibos recibirán a tradicional carta informativa na que figuran os conceptos e os importes das taxas e impostos así como o anuncio de que os cargos nas contas bancarias realizaranse a partires do 10 de xuño. As persoas interesadas aínda están a tempo de domiciliar os seus recibos nas oficinas da Recadación Municipal, na rúa Camiño Novo número 7, antes do 6 de xuño.

No relativo aos recibos non domiciliados, as cartas emitidas serán informativas pero tamén de pago. Será preciso fixarse na parte inferior, onde destaca que o exemplar é para a oficina de recadación, co importe a pagar e un código de barras que se pode utilizar para aboar nas oficinas e nos caixeiros de Abanca e Caixabank, así coma a través da banca electrónica. Entre as opcións dispoñibles tamén figura a transferencia bancaria ou ingreso nesta conta de Abanca: ES55 2080 0019 5331 1000 0028. Tamén será posible realizar o pago a través da pasarela de pagos da páxina web do Concello ou de forma presencial nas oficinas de recadación: do 9 de maio ao 14 de xuño (de luns a xoves de 9 a 13.30 e de 16 a 18.30 horas; e os venres de 9 a 13.30 horas) e do 15 de xuño ao 11 de xullo (de luns a venres, de 8 a 14 horas)

Máis información chamando ao 981 70 42 78 ou no correo recadacion@carballo.gal.