O Concello de Carballo forma aos servizos municipais contra as picaduras da velutina

1 minutes read
  • O persoal dos distintos servizos municipais tamén aprendeu como e cando utilizar o “bolígrafo” de adrenalina                              

O Concello de Carballo está a equipar a diferentes servizos municipais con kits de emerxencia para actuar no caso de picaduras de avespa asiática. Os tractores municipais que realizan os labores de roza, os vehículos da Policía Local, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras e instalacións como o cemiterio municipal ou o Horto Infantil Ecolóxico contarán entre o seu equipamento, un ano máis, cunha dose de adrenalina inxectable en xiringa precargada e un aerosol contra velutinas. O obxectivo é aumentar a protección dos traballadores, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.

O kit de adrenalina utilizarase no caso de que algunha persoa sufra un shock anafiláctico coma consecuencia da picadura dunha avespa. Para que o persoal dos distintos servizos saiba como e cando utilizalo, este mércores recibiron unha sesión formativa por parte de Isidro Rodríguez, de Plaguiber, e da farmacéutica Irene Baña. Á charla tamén asistiron os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane, ademais do alcalde, Evencio Ferrero, que insistiron na necesidade e no compromiso do Concello de Carballo de dedicar todos os medios posibles á loita contra a praga da velutina.