- Persoal especializado ofrecerá información e preservativos nun stand que se colocará os días 18, 24 e 25 pola noite na zona da movida
Coincidindo coas festas de San Xoán, as concellarías de Mocidade e Igualdade de Carballo volven sacar á rúa o stand sobre información sexual. Despois da boa acollida que tivo a xornada que se realizou o pasado 11 de febreiro, tres profesionais con formación específica en igualdade e violencia de xénero volverán estar no posto informativo que se colocará na zona de afluencia os días 18, 24 e 25 deste mes.
Esta nova campaña ten varios obxectivos. O principal é transmitir á mocidade a importancia de que vivan a emoción da noite e da festa sen abusos, sen acosos e con cabeza, para que «teñamos unhas festas libres de agresións ou con agresións 0’0, como promoven as chapas e as pulseiras que se repartirán de balde entre as persoas que se acheguen ao stand», afirman desde as concellarías.
Outro dos obxectivos é seguir coa campaña de divulgación sexual iniciada este curso nos institutos de secundaria de Carballo e «cuxos resultados reforzan a necesidade de achegar información rigorosa á mocidade». Así, o persoal do stand estará dispoñible para resolver calquera tipo dúbida e repartir, de xeito masivo, paquetiños compostos por un preservativo, unha toalliña de hixiene íntima e un pequeno folleto no que se explican as vantaxes deste método de prevención das enfermidades de transmisión sexual e dos embarazos non desexados.
Por último, desde o goberno local desexan que o seu posto, que estará aberto de 23.00 a 02.00 horas, sexa tamén un punto de referencia e/ou apoio ante calquera situación de abuso que poida producirse, un punto ao que poderá dirixirse calquera persoa que se sinta acosada.