- Evencio Ferrero asinou este mércores o contrato co centro especial de emprego Coregal, que se encargará da posta a punto das zonas verdes
O persoal de Coregal traballará durante tres meses na posta a punto dos xardíns das prazas do Concello, de Galicia e da Cruz Vermella, o parque Rego da Balsa e sete rotondas. En total serán axardinados 8.430 metros cadrados. A maior superficie corresponde ao parque Rego da Balsa, con algo máis de 3.000 metros cadrados, e a menor, á rotonda da avenida de Razo, con 78,50 metros cadrados.
O criterio básico da intervención é mellorar o estado actual de todas estas áreas e poñelas en valor. Con ese obxectivo instalarase en todas as zonas que o precisen un sistema de rede de rega automática, implantarase unha nova cuberta vexetal en todas elas, crearanse macizos con especies que aporten cor nas distintas estacións e ademais iniciarase un proceso de substitución do céspede por unha pradería formada por un conxunto de especies perennes e anuais co obxectivo de poñer en valor os espazos urbanos con especies autóctonas e propiciando unha floración gradual de vivas cores ao longo do ano. Ese proceso comezará nas beiras do Rego da Balsa.
Á hora de escoller a vexetación tivéronse en conta distintos aspectos, como a utilización de plantas autóctonas, o transplante dalgunhas das existentes para emprazamentos máis axeitados, as necesidades hídricas das plantas, a persistencia da folla, a resistencia ao vento ou o crecemento. En xeral utilizaranse especies arbustivas e arbóreas que non precisen reposición para optimizar a xestión dos xardíns, pero empregando á vez especies anuais que aporten vistosidade e cor ás zonas verdes.
Ademais da actuación nos espazos sinalados, o proxecto tamén inclúe a colocación de 35 xardineiras nos soportes das luminarias de distintas rúas e 4 torres florais nas rúas Martín Herrera, Desiderio Varela e Cervantes.
A maiores do contrato formalizado este mércores, o Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos o procedemento de contratación do servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado de todo o municipio. Este contrato, reservado para centros especiais de emprego, terá unha duración de catro anos, cun custe anual estimado de 313.300 euros.