- A próxima actuación na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, no barrio do Chorís
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata a rúa Bos Aires para comprobar o avance das obras da vía, nas que se investiron 280.775,27 euros.
O obxectivo dos traballos, que están sendo executados pola empresa local Vázquez y Reino, é a mellora integral dunha rúa que contaba con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís inclúe a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, ademais de cable e gas.
En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires será de plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica.
A próxima actuación na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que o concello investirá 250.770,83 euros.