O Concello de Carballo, premio Cesagal pola súa forte aposta na economía social

Entrega premios CEGASAL_Cedida

  • Carballo foi un municipio pioneiro na adxudicación do servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acudiu este venres á gala organizada pola Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro para recoller o Premio Cegasal «pola súa aposta decidida pola economía social». O evento, aprazado o ano pasado por culpa da Covid-19, celebrouse en Santiago de Compostela ante medio centenar de persoas.

Xunto ao Concello de Carballo tamén foron galardoados a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia; o concelleiro de Santiago de Compostela, José Javier Fernández Martínez; a conserveira Jealsa e os xornalistas Xaime Calviño e Santi Riveiro.

Ferrero amosouse agradecido pola concesión do Premio Cegasal, que «vén reforzar as políticas de integración laboral polas que vimos apostando dende o goberno municipal, e que nos converteron no primeiro concello galego en adxudicar o servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego», sendo unha das decisións «das que me sinto máis orgulloso», asegurou o rexedor. «A utopía serve para camiñar», dixo o alcalde citando a Eduardo Galeano, e convidou tanto ás institucións públicas coma ás empresas a apostar pola economía social.

O presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, destacou a capacidade de resiliencia da economía social «en tempos difíciles como na crise de 2008 e os que estamos a vivir agora con motivo da pandemia». Tras iniciar o seu discurso cun recordo emocionado para as vítimas da Covid-19 e as súas familias, o máximo responsable da anunciou a creación dunha Escola de Emprego para persoas con enfermidades mentais. «É algo que hai que facer porque en Galicia, a día de hoxe, hai 72.000 persoas con algunha enfermidade mental que non atopan traballo e, nalgúns casos, é unha situación que se prolonga no tempo, co consecuente desgaste para eles e as súas familias».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha