7
O Concello de Carballo realiza un investimento de 207.136,74 euros na mellora de 19 parques infantís situados en espazos públicos e centros escolares dunha ducia de parroquias.
O concelleiro de Servizos, Miguel Vales, realizou un percorrido polos espazos nos que se está a traballar. As obras, adxudicadas a Coregal Parques e Xardíns, permitirán solucionar os problemas de deterioro derivados das condicións climatolóxicas adversas, o vandalismo ou o uso intensivo dos parques infantís, ademais de garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade.
Estas son as actuacións en marcha:
- Parque do Anllóns: substitución da rede de escalada, subministro e aplicación de pavimento de caucho, reparación da estrutura do multixogo catro torres, mantemento dos bambáns, restauración do pavimento e dos xogos da zona de bebés, certificación do parque e colocación do cartel informativo preceptivo.
- Vivente (Ardaña): reparación do valado, instalación dunha casiña de xogos, reparación do balancín, rexeneración do pavimento, certificación da área de xogo e colocación de cartel informativo.
- As Pallas (Artes): colocación de valado e casiña de xogos, reparación dos xogos, rexeneración do pavimento de area, certificación e cartel informativo.
- A Brea (Carballo): reparación do valado, casiña de xogos nova, reparación e/ou substitución doutros elementos, rexeneración do pavimento, certificación e cartel informativo.
- O Rapadoiro (Noicela): instalación de valado de madeira, rexeneración do pavimento de área, reparación dun bambán e colocación dun novo, cartel informativo e certificación da área de xogo.
- Outón (Rus): colocación de malla no valado existente, reforma do columpio, colocación de xogo moto, reparación do balancín, céspede artificial, cartel informativo e certificación da área de xogo.
- Sofán: reparacións no valado, nova casiña de xogos e arranxos de elementos existentes.
- Vilela: instalación de valado, substitución do bambán, rexeneración do pavimento, cartel informativo e certificación.
- Centros escolares: as melloras realizaranse dos parques infantís dos colexios A Cristina, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Fogar, no centro de educación especial de Gontade (Ardaña) e nas escolas de Artes, As Carballeiras e Mirón (Bértoa), Cances, Xoane e Sísamo. Como nos casos anteriores, procederase á reparación e/ou instalación dos elementos necesarios para mellorar as condicións de uso dos parques e garantir a seguridade dos nenos e nenas. Todos os parques quedarán certificados.