- Os establecementos poderán colocar todas as mesas que teñan autorizadas, pero cunha distribución que garanta o cumprimento das distancias de seguridade
O Concello de Carballo ofrece o seu apoio á hostalaría para que poida retomar a súa actividade, como xa está a facer o comercio, con medidas como a exención do pago da taxa durante todo o ano 2020 ou o asesoramento técnico para a reordenación das terrazas.
Neste sentido, o goberno local aclara que os establecementos poderán colocar a totalidade das mesas que tivesen autorizadas, pero cunha distribución que garanta o cumprimento das distancias de seguridade. Así, os técnicos municipais indicarán, sempre que se precise, que parte do espazo público pode ocuparse.
Desde o Concello lembran que, segundo establece a ordenanza municipal que regula a ocupación do dominio público local con terrazas de hostalería, as autorizacións de carácter anual enténdense por tempo indefinido, renovándose automaticamente o día 1 de xaneiro do exercicio seguinte, salvo renuncia expresa do interesado. En todo caso, a póliza de responsabilidade civil que inclúa a instalación deberá manterse en tanto dure a ocupación.