A concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron este venres os principais asuntos que serán sometidos a debate no pleno ordinario do próximo luns 28 de setembro. A Conta Xeral de 2025, a aprobación definitiva do plan especial para a apertura do sistema xeral viario SXVI-1 e tres mocións, unha de cada grupo da corporación, centrarán a sesión.
Belén Lendoiro destacou, entre outros, tres datos da xestión económica municipal durante 2025. O primeiro é a execución do capítulo 6 do orzamento, correspondente aos investimentos reais, que acadou os 7.970.371,89 euros, a cifra máis alta dos últimos anos.
A concelleira de Facenda puxo tamén o foco no nivel de contratación municipal, que ao longo de 2025 ascendeu a 14.885.753,22 euros, como reflexo do volume de actuacións e servizos impulsados polo Concello durante o exercicio.
O terceiro dato destacado é a dimensión real do orzamento xestionado. O Concello partiu dun orzamento inicial de 33,90 millóns de euros, pero a incorporación de remanentes e outras modificacións permitiu elevar os créditos definitivos ata os 44.779.958 euros. En total incorporáronse 10,87 millóns de euros, fundamentalmente para dar continuidade a actuacións e investimentos procedentes de exercicios anteriores.
A Conta Xeral de 2025, que se someterá á aprobación do pleno, recolle así un exercicio marcado por un elevado volume de investimento e contratación e pola mobilización de recursos acumulados para financiar actuacións municipais. “As cifras demostran que Carballo é un concello forte, saneado e cunha capacidade de recadación importante”, sinalou Belén Lendoiro.
Outro dos asuntos destacados será a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) para a apertura do sistema xeral viario SXVI-1.
A aprobación permitirá culminar unha tramitación iniciada en 2025.
Daniel Pérez avanzou tamén as tres mocións que chegarán ao pleno, cada unha presentada por un dos grupos da corporación, e as tres “curiosamente, dirixidas a outras administración”, apuntou o alcalde. O PSOE propón reclamar a mellora da conexión en transporte público entre Bergantiños e a zona hospitalaria da Coruña; o PP, o impulso da mellora da estrada provincial DP-1916 na Pedra do Sal, e o BNG, a execución coordinada da ampliación do parque empresarial de Bértoa e da variante de Carballo.
O pleno ordinario celebrarase o luns 28 de setembro ás 20.30 horas.
