O Concello de Carballo plantou 830 árbores máis


Castiñeiros, bidueiros, carballos e acivros constitúen a maioría das 830 árbores que o Concello de Carballo leva plantadas no último ano en espazos públicos, zonas escolares e rúas urbanas. Os últimos foron os seis acivros que medran no campo da festa de Oza, a petición do Consello Parroquial.

Nos espazos públicos tamén se poden atopar nogueiras, laranxeiras, cereixos e distintas variedades de arce, de moito menor porte, arbustos de distintas especies e tamaños, plantas tapizantes ou floridas. En total, arredor dun milleiro.

As zonas repobradas máis importantes están no polígono industrial de Bértoa, o Campo Aberto de Ramil e a zona da Braña, ámbalas dúas en Sísamo, e O Bosque do Añón.

Árbore recentemente plantada no Bosque do Añón.

Tamén se están a crear pequenos xardíns nas contornas escolares, sobre todo con plantas de flor, como camelias ou magnolias. A contorna do CEIP A Cristina ou a rúa Sol, que veñen de ser obxecto de reformas integrais, incorporan árbores, do mesmo xeito que o fará en breve a rúa Laracha.

Estas actuacións forman parte do plan de mellora e ampliación dos xardíns. De feito, neste momento está en licitación o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do concello. Como apunta o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, “cada día temos máis zonas verdes e queremos telas nas mellores condicións”.