O Concello de Carballo presenta á cidadanía o plan especial de protección en Arnados antes da aprobación inicial

1 minutes read
  • O venres 13, ás 19.00 horas, celebrarase no CEIP Nétoma-Razo unha xuntanza aberta a todas as persoas, entidades e empresas interesadas

Dous anos despois, o Concello de Carballo volve a convocar á cidadanía para presentar o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo, un documento que se someterá a aprobación inicial tan pronto como se reciban os informes, preceptivos e vinculantes, dos departamentos autonómico e estatal de Costas, que teñen un prazo de un mes para emitilos. A cita será o vindeiro venres 13, ás 19.00 horas, no CEIP Nétoma-Razo.

Ademais da exposición do documento, que se axustou ao prazo de elaboración previsto, o equipo técnico redactor tratará de resolver as dúbidas que poidan ter as persoas asistentes.

O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito.

Despois da aprobación inicial, o plan especial estará exposto ao público durante dous meses para posibles alegacións.