O Concello de Carballo promove o galego no sector da hostalaría

1 minutes read

Grazas á colaboración da Asociación de Hostalaría de Carballo, o Servizo de Normalización Lingüística realizará con vistas á Semana Santa un reparto masivo de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). O obxectivo é que mentres agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar, a clientela poida entreterse e exercitar o uso da nosa lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama.

A proposta foi moi ben acollida polo sector, e, de feito, a través da Asociación de Hostalaría xa se anotaron unha ducia de establecementos. Algúns deles, así coma a propia directiva da entidade, asistiron este luns á presentación dos salvamanteis xunto co alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, e a técnica do SNL, Carme Pereiro.

A proposta está aberta aínda á participación dos/as empresarios/as interesados/as, formen parte ou non da entidade. O único que teñen que facer é poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal, dos números de teléfono 881 983 865 ou 626 125 495, ou tamén de maneira presencial na casa do concello.