Dentro do proxecto Carballo na Memoria, o calendario do próximo ano permitiralle ao Concello de Carballo compartir con toda a veciñanza unha interesante colección de fotografías datadas entre finais dos anos 20 e principios dos 30, algunhas delas inéditas. As imaxes forman parte da Colección Loty, custodiada polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, ao que lle agradecen a cesión das fotografías para este fermoso proxecto. Presentárono este luns a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde, Daniel Pérez.
“A Casa Loty foi fundada no ano 1918 en Madrid por Justin Marie Charles Alberty Jeanneret, un francés que se dedicaba ao comercio de papel fotográfico. A mediados dos anos 20, Charles Alberty e a súa esposa, Concepción López crean un banco de imaxes de varios países destinado a axencias de prensa, publicacións e empresas de turismo que tivo importantes clientes e recibiu numerosos premios a nivel internacional”, explicou Ángeles Pacoret. E tamén que o nome Loty “é o resultado de unir a primeira sílaba do apelido de Concepción López e a última do apelido de Charles Alberty”.
Para esta marca traballaron varios fotógrafos, pero podemos dar case por seguro que o autor das imaxes de Carballo foi o portugués António Pedro Carreta Passaporte, que foi fotógrafo da casa Loty entre 1926 e 1936, e fixo fotografías de monumentos e paisaxes, principalmente para a súa comercialización en tarxetas postais.
Esas fotografías están recollidas no calendario de Carballo para o ano 2026. Pero ademais de coñecer o traballo orixinal da Casa Loty, o calendario inclúe esas mesmas imaxes restauradas e coloreadas, así como un código QR no que pode verse un vídeo no que están animadas, o que nos permite mergullarnos con moita máis intensidade no Carballo desa época.

Momento da presentación pola concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde, Daniel Pérez.
“Temos que agradecer o traballo realizado por Kiko González de Lema, que a través das tecnoloxías actuais foi quen de crear unha ficción narrativa destinada a preservar a memoria local. E damos as grazas tamén ao grupo De Ninghures, pola cesión desinteresada da banda sonora do vídeo que acompaña o calendario”, sinalou a concelleira.
“Como vedes, o calendario do 2026 é moito máis que un calendario. Este ano tamén incluímos algunhas efemérides locais e as feiras, porque, aínda que todo o mundo sabe que se celebran o segundo e o cuarto domingos de cada mes, e o quinto cando o hai, sempre, sempre preguntamos: este domingo é feira? Pois o ano que vén abondará con botarlle unha ollada ao almanaque para saír de dúbidas”.
O alcalde destacou o traballo que está a realizar a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística dentro do proxecto Carballo na Memoria, e aludiu a iniciativas como a exposición de acuarelas de Martín Garrido, que moi pronto poderán verse na biblioteca Rego da Balsa, ou a presentación do traballo sobre as casas baratas, que imos tentar editar. E tamén a homenaxe a Cándido González Tiradas, que recuperaremos en febreiro, se o tempo o permite, tamén forma parte dese traballo. “E incluso nos novos parques infantís, como o que dedicamos ao trolebús ou o que pronto abriremos no Chorís, que é toda unha homenaxe aos vellos depósitos de auga, tamén forman parte do necesario proceso de reconciliación co noso pasado”, dixo Daniel Pérez.
Nesta liña, no 2026 tamén faremos memoria histórica a través do calendario, no que podemos ver como eran a Praza de Galicia, a Ponte da Lagoa ou a de Isabel II, a rúa Vázquez de Parga, a igrexa, a casa do concello…. “Eu non as coñecín como aparecen nas imaxes, pero síntoas miñas porque moita xente me falou delas”, engadiu. Para o alcalde, este calendario é un motivo, tamén, “de orgullo”.
Temos a seguridade de que vai ter moitísima demanda, e por iso aumentamos un pouco a tirada. A partir de mañá martes, as persoas interesadas poderán recollelo de balde nos lugares de costume: Museo de Bergantiños, Biblioteca Rego da Balsa e casa do concello.
