- O goberno agradeceu o esforzo realizado polos traballadores e voluntarios para rematar a distribución das mascarillas entre as 18 parroquias
Este mércores Carballo completou o reparto de mascarillas cirúrxicas homologadas en todos os fogares do concello. Todo grazas ao esforzo do persoal municipal e aos voluntarios que lograron que en sete xornadas de traballo se entregaran en tempo récor 32.000 mascarillas entre as 18 parroquias.
O goberno municipal agradeceu o traballo realizado por persoal de Protección Civil, Brigada Municipal de Obras, Cruz Vermella e Carballo Deporte, que se sumou esta semana con 10 voluntarios. En total, máis de 40 persoas participaron na preparación das bolsas con dúas ou tres mascarillas e no posterior reparto porta a porta.
O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, responsable da coordinación dos sete equipos de traballo, pediu comprensión á veciñanza cos posibles erros que se poden ter cometido nun reparto de tanto volume e avanzou que as incidencias que foron chegando ao Concello de Carballo tanto a través do número de teléfono 981 704 700 coma das redes sociais quedarán resoltas ao longo desta semana.