O Concello de Carballo retoma as actividades deportivas para maiores

1 minutes read
  • Estas tiveran que ser suspendidas debido ao inicio da pandemia

O Concello de Carballo retomará no mes de novembro o programa de exercicio físico para maiores de cara a manter un estilo de vida activo e saudable. As actividades, dirixidas a persoas de 65 anos en diante, tiveran que ser paralizadas co inicio da pandemia, pero coa situación sanitaria actual é posible volver a retomalas coas medidas de prevención básicas. Esas medidas influirán, por exemplo, na composición dos grupos, polo que o número máximo de integrantes de cada un dependerá do aforo do local no que se vaia desenvolver. Aínda así poderían participar máis de 800 persoas en total.

As persoas que participaban con anterioridade no programa deberán renovar a súa inscrición, ao tempo que se abre a matrícula para novos participantes. O prazo para ambos casos rematará o 28 deste mes. Os impresos de renovación ou alta poden descargarse na web municipal e deberán entregarse de xeito presencial nas oficinas de Carballo Deporte ou en calquera rexistro municipal.