O concello de Carballo segue apostando pola mobilidade sostible a través do «pedibús»

  • Máis novas: A urbanización de varias rúas abre novas posibilidades de desenvolvemento urbanístico na zona de Pedra Furada
  • Repartidos os 50 novos composteiros, que elevan a 273 o censo de familias participantes no programa municipal

A Concellaría de Mobilidade quere impulsar o pedibús, unha das apostas do Concello de Carballo pola mobilidade sostible que, ademais, fomenta a autonomía infantil, as relacións sociais e de veciñanza e hábitos de vida máis saudables.

Nos seis anos que leva en funcionamento, os camiños escolares foron estendéndose ata chegar aos colexios Fogar, Bergantiños e A Cristina, e o curso que está a piques de comezar podería ser o da integración do CEIP Xesús San Luís Romero, que despois das obras realizadas na contorna xa é máis accesible e que o será moito máis en canto rematen as que están en marcha na zona da Milagrosa.

A directora do San Luís Romero foi unha das participantes na primeira xuntanza de coordinación que mantiveron este mércores colaboradoras dos tres camiños escolares co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, na Biblioteca Rego da Balsa. O encontro serviu para intercambiar opinións e ideas orientadas á promoción do pedibús entre os nenos e nenas que se van incorporando á vida escolar, intentando garantir o relevo dos/as que marchan para os institutos.

Con esa finalidade desenvolveranse varias accións nas vindeiras semanas, como a sinalización das rutas por parte dos propios escolares coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, encontros coas asociacións de nais e pais e os equipos directivos dos colexios, reparto de folletos informativos e actividades lúdico-formativas relacionadas coa mobilidade sostible.

Participar no pedibús é moi doado!
• Achégate a calquera das paradas
• Ponte en contacto coa ANPA do teu cole
• Chama ao 981 704 700
• Envía un e-mal a secretarioalcaldia@carballo.gal

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 325.000 euros para acometer unha serie de actuacións previstas no PXOM

A zona de Pedra Furada volve a estar en obras. Ata alí achegáronse hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, coincidindo co inicio dos labores de aglomerado da rúa Cándido González Tiradas, na que se leva a cabo un proxecto de reurbanización que incluíu a instalación de todos os servizos urbanísticos, a construción de beirarrúas e, agora, a pavimentación da zona de circulación. Tras estes últimos traballos pintaranse os carrís de circulación e as zonas de aparcamento, e procederase á colocación de papeleiras e a plantación de árbores de crecemento lento.

Ademais da rúa dedicada ao escritor carballés, o Concello de Carballo está a reurbanizar outras dúas na zona de Pedra Furada. Todas estas actuacións, previstas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), abrirán novas posibilidades de desenvolvemento urbanístico nese ámbito. O investimento total supera os 325.000 euros.

Aberta unha nova lista de agarda, cuxos integrantes terán prioridade na adxudicación de colectores na próxima campaña

Dende este xoves hai 50 novas familias no concello de Carballo participando no programa de compostaxe doméstica promovido dende as áreas de Medio Ambiente e Obras e Servizos. Esta semana levouse a cabo o reparto dos colectores, xunto coa entrega dun manual de uso e unha formación básica para os/as usuarios/as. En total o concello recibiu 63 solicitudes, polo que hai 13 familias en lista de agarda que terán prioridade na adxudicación de composteiros na próxima campaña que se poña en marcha.

A compostaxe fai posible a eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, dun xeito natural e outorgando a eses residuos unha segunda vida como abono.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha