O Concello de Carballo súmase á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama

Ademais de iluminar de cor rosa a casa do concello, unha das peticións que realiza cada ano a xunta local da Asociación Española contra o Cancro (AECC) para visibilizar a enfermidade, que é a primeira causa de morte por cancro entre as mulleres pero que cada vez ten tamén un maior índice de supervivencia, na fachada da casa do concello colocouse unha pancarta co lema da campaña deste ano: “Tomámolo a peito”.

O alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade, Maica Ures, acompañaron durante a mañá deste sábado a integrantes da xunta local da AECC na mesa informativa que colocaron na Praza do Concello, ao pé da pancarta.

A estas accións de visibilización súmase unha máis, promovida pola Concellaría de Deportes, que distribuíu camisetas conmemorativas do 19 de outubro co lema “Deporte é saúde” entre todos os equipos femininos que disputan competicións en Carballo esta fin de semana.

O Día Mundial contra o Cancro de Mama celébrase o 19 de outubro. Este ano en Carballo coincide coa xa tradicional marcha contra o cancro, unha iniciativa solidaria que volverá reunir mañá domingo a centos de carballeses e carballesas.

Related posts

O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas

A Asemblea Aberta do Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos «martes en loita»

Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha