- O ano pasado incorporáronse ao orzamento máis de nove millóns de euros, e case oito foron para obras e infraestruturas
O Concello de Carballo incumpriu o ano pasado o obxectivo da estabilidade orzamentaria xa que a liquidación ao peche do exercicio arroxa un déficit de 1.633.479,02 euros. O Concello incorporou ao orzamento do 2019 un total de 9.685.224,64 euros, e 7.764.173,62 foron obras e infraestruturas.
Con estes datos Carballo non cumpre co obxectivo de estabilidade financeira nin a regra de gasto, ao superar en 1.987.448,76 o límite que tiña marcado polo Estado; unha regra que o alcalde Evencio Ferrero califica de “absurda”. O rexedor criticou unha vez máis que se limite a capacidade de investimento das administracións locais para que o Estado poida seguir aumentando o seu gasto e que os concellos “non poidamos dispoñer dos recursos que temos”, no caso de Carballo, por exemplo, cun remanente que supera os 12 millóns de euros.
Como consecuencia desta situación, o concello debe elaborar e aprobar no prazo dun mes un plan económico-financeiro que permita cumprir con esas normas estatais este ano e o que vén. Cunha débeda bancaria nula, cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 12.180.839,84 € e cun aforro neto de 3.148.850,81 euros €, o goberno municipal considera que con estas cifras non sería entendible que Carballo deixase de atender as demandas e as necesidades veciñais simplemente por cumprir unhas normas que, segundo fontes do concello, só benefician aos intereses do Goberno central de quenda.