- Nos vindeiros días poñerase en marcha unha enquisa sobre consumo enerxético dirixida ao comercio local
A corporación municipal aprobou en febreiro do 2019 a adhesión do Concello de Carballo á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, un movemento no que participan autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética, empregar fontes de enerxía renovables nos seus territorios e reducir as emisións de CO2.
Neste momento, no concello están a traballar na elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), e nos vindeiros días poñerase en marcha unha enquisa sobre consumo enerxético dirixida ao comercio local. Persoal da empresa contratada para realizar o traballo visitará os establecementos do municipio, aos que se lles pedirá que teñan a man unha factura eléctrica exclusivamente para verificar os kilovatios (kW) consumidos.
Vantaxes e compromisos
A participación no Pacto dos Alcaldes supón unha serie de vantaxes e de compromisos para o Concello de Carballo. Entre as primeiras, a posibilidade de acceder a liñas europeas de subvencións específicas, o recoñecemento e a visibilidade internacional, o aforro enerxético ou a mellora da calidade de vida da cidadanía. E, entre os segundos, destacan a redución das emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro nun 40% de aquí ao 2030, precisamente a través das medidas establecidas no PACES que agora desexan ter listas no ano 2021.