O Concello de Carballo volve promover o galego no sector da hostalaría

Desde as concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica están a realizar por terceiro ano, e nesta ocasión coa colaboración de Axober, un reparto de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

O obxectivo é que mentres agarda por unha tapa, unha ración ou un xantar, a clientela poida entreterse e exercitar o uso da nosa lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama. Axober encargarase do reparto dos salvamanteis entre os establecementos que os soliciten, ata fin de existencias.

Os salvamanteis xa estiveron durante todo o verán a disposición do sector de hostalaría das parroquias costeiras tanto na bibliopraia de Razo coma nos postos de salvamento e socorrismo da zona de Baldaio. A partir desta semana, coincidindo co peche da Praia dos Libros ata o verán que vén, o reparto canalizarase a través de Axober, na que quedou integrada a Asociación de Hostalaría.

Related posts

A artista Elesky participará no evento PonteFriki 2026, que se celebrará na Ponte do Porto o 14 e 15 de marzo

O BNG de Vimianzo leva ao pleno unha moción para consensuar cambios na autovía

O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas