O Concello de Cee debe presentar na Xunta a documentación para renovar a rede de saneamento

Ayuntamiento de Cee

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de solicitarlle ao Concello de Cee a documentación municipal necesaria para a mellora do saneamento que dá servizo a este municipio e ao de Corcubión, na que prevé investir 8,1 millóns de euros. Este trámite é necesario para que a Administración autonómica poida executar estas obras sobre unhas instalacións de competencia municipal, como son as redes de saneamento.
Estas obras conforman a primeira fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión para mellorar o funcionamento do sistema. O estudo realizado mostrou deficiencias no funcionamento dos bombeos e a existencia dun sistema de depuración cunha tecnoloxía de tratamento obsoleta.

O diagnóstico efectuado constata que o sistema de saneamento é unitario e que en tempo de chuvia é incapaz de bombear a totalidade de caudais recollidos, producíndose numerosos alivios que, entre outras consecuencias, provocan que a praia de Cee teña prohibición permanente de baño. Nesta primeira fase de traballos está previsto renovar o colector das Laxes, construír un novo tanque de tormentas e executar un novo colector no bombeo das Monxas que leve ata a nova estrutura as augas residuais e posteriormente as leve á depuradora. O Concello de Cee debe aprobar o proxecto en Pleno municipal, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

Ademais de investir 8,1 millóns de euros na mellora do saneamento de Cee e Corcubión, Augas de Galicia prevé iniciar proximamente a redacción do proxecto de construción da nova depuradora, conforme o recollido no convenio asinado co Concello de Cee. Esta actuación correspóndese coa segunda fase das actuacións proxectadas ao abeiro do Plan de saneamento da ría. As actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER 2014-2020.