O Concello de Cerceda celebra que a Xunta rectifique e lles destine 40 M€ dos Fondos de Transición Xusta a eles e As Pontes

O Concello de Cerceda celebra a decisión da Xunta de Galicia de rectificar no reparto dos Fondos de Transición Xusta e reservar unha parte moi relevante destes recursos para Meirama, As Pontes e as súas contornas, os territorios máis directamente afectados polo peche das centrais térmicas.

A convocatoria, publicada o pasado venres no Diario Oficial de Galicia, supón un cambio substancial respecto da proposta inicial, que prevía un reparto homoxéneo dos máis de cen millóns de euros en toda a provincia.


O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, celebra que a Xunta teña “recapacitado” e destaca que “agora faise xustiza”, ao asignarse integramente 40 millóns de euros a Cerceda e As Pontes. O rexedor lembra que ambos concellos reclamaron no seu día a paralización cautelar do reparto previsto por considerar que discriminaba precisamente as zonas máis afectadas polo peche das térmicas, unha batalla que cualifica de necesaria ante a “equivocación” inicial da Xunta.


Rodríguez subliña que esta decisión abre unha nova etapa para o territorio, que “sen dúbida é moi favorable para o impulso industrial e da actividade económica no noso territorio, e que acollemos cheos de esperanza”. “No seu día o reparto dos fondos que distribúe a Xunta polo peche das centrais térmicas, ía a darse no marco provincial. Conscientes da inxustiza, sumámonos a accións concretas para protexer o que lexitimamente nos corresponde, solicitando a paralización cautelar”, subliña o rexedor.


Continúa Juan Manuel Rodríguez afirmando que “este anuncio, que saíu o venres no DOGA, é sen dúbida moi favorable para o impulso da actividade económica no noso territorio. No que ten que ver exclusivamente con Cerceda e As Pontes, 40 millóns de euros consignados polo IGAPE para axudas de descarbonización e renovación de industrias tractoras”.

Related posts

UCIN Galicia vuelve a denunciar la falta del helicóptero de emergencias en Santiago y exige infraestructuras H24 seguras en hospitales

A Deputación da Coruña reivindica en Rianxo a vixencia do legado moral, cultural e político de Castelao

O Son do Camiño anuncia un cartel ambicioso para a súa edición de 2026