O prazo para a recollida destas incidencias remata o vindeiro 12 de abril.
O Concello de Cerceda chama á colaboración veciñal para detectar as zonas do municipio que carecen de cobertura 4G e 5G. A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) vén de lanzar dúas novas consultas públicas relacionadas co despregamento deste tipo de redes móbiles no rural, e unha delas afecta a Cerceda.
Segundo a cartografía facilitada polo organismo estatal, o municipio figura con cobertura integral en todo o seu territorio. Non obstante, os servizos municipais constataron que esta situación non se corresponde coa realidade, existindo aínda puntos sen acceso axeitado.
Por este motivo, o Concello promove unha consulta pública para identificar aquelas zonas sen cobertura móbil 4G/5G e que, polo tanto, poderían beneficiarse das futuras axudas destinadas á mellora das telecomunicacións no rural.
Neste sentido, faise un chamamento á axuda da veciñanza. Todas aquelas persoas residentes ou con actividade empresarial en Cerceda que non dispoñan de cobertura móbil 4G/5G no exterior dos seus inmobles (non se teñen en conta problemas de cobertura en interiores) poden comunicalo chamando ao teléfono 981 685 001 (extensión 2025) e facilitando o seu enderezo, co obxectivo de que o persoal técnico efectúe as comprobacións oportunas.
O prazo para a recollida destas incidencias remata o vindeiro 12 de abril, posto que o 13 de abril finaliza o período para que o Concello presente as alegacións correspondentes ante a SETID.
O Concello de Cerceda lembra que nos últimos anos xa se teñen desenvolvido distintas actuacións para mellorar a conectividade no municipio, como a cesión da rede eléctrica municipal para estender a fibra óptica ou a colaboración en programas impulsados por outras administracións. Con esta iniciativa, o goberno municipal trata de garantir que toda a veciñanza dispoña dun acceso digno e de calidade ás telecomunicacións. Dende o Concello agradécese de antemán a colaboración cidadá para que ningún punto do municipio quede sen cobertura.