O Concello de Cerceda destaca o papel da loita local na resolución provisional do nó de transición xusta de Meirama

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de publicar a proposta de resolución provisional do concurso do nó de transición xusta de Meirama, o primeiro declarado como tal en Galicia, co obxectivo de asignar capacidade de acceso á rede eléctrica a proxectos renovables que maximicen os beneficios socioeconómicos para o territorio afectado polo peche da central térmica.

Segundo esta proposta, a empresa Coventina Renovables resulta adxudicataria provisional dos 408 megavatios de capacidade solicitados para o nó Meirama 220 kV, cun proxecto de central hidroeléctrica reversible que incorpora importantes compromisos en materia de emprego, formación, investimento produtivo e protección ambiental.

Desde o Concello de Cerceda salientan que esta resolución provisional é froito dun proceso no que a defensa dos intereses locais foi determinante. A inclusión de criterios socioeconómicos como eixo central do concurso de transición xusta responde a unha reivindicación sostida no tempo por parte das administracións locais, co obxectivo de garantir que a reconversión enerxética se traduza en oportunidades reais para o territorio. Nese camiño inscríbense tanto as xestións institucionais realizadas ante o Goberno do Estado como o contencioso presentado no seu día fronte á Xunta de Galicia para reclamar unha transición xusta efectiva co resultado do reparto que se anunciou a pasada semana, así como o convenio asinado polo Concello de Cerceda coa empresa promotora para asegurar retornos directos para a poboación como levar a auga ao Xalo, entre outros.

A proposta do Ministerio recolle compromisos que supoñen a creación de máis de mil empregos equivalentes a tempo completo ao longo dunha década, combinando a operación e mantemento da instalación co impulso de proxectos empresariais no territorio e actuacións de conservación ambiental na contorna do Lago das Encrobas. Estes compromisos traduciríanse, cando o proxecto estea a pleno rendemento, en máis de cento oitenta postos de traballo estables. Así mesmo, prevese un amplo programa de formación profesional para persoas residentes na zona de transición xusta, así como a implantación de autoconsumo fotovoltaico.

Cómpre destacar tamén o volume de investimento comprometido na cadea de valor da provincia da Coruña, superior aos cento corenta e seis millóns de euros, xunto cun investimento específico en biodiversidade e ecosistemas, o que reforza a dimensión territorial e ambiental do proxecto. Todo isto estará sometido, en calquera caso, aos correspondentes procedementos de avaliación ambiental e ao cumprimento estrito das garantías esixidas polo Ministerio.

Desde o Concello de Cerceda valoran positivamente que o concurso de transición xusta teña posto no centro os beneficios sociais, económicos e ambientais para a veciñanza, un enfoque polo que o Concello loitou desde o inicio do proceso. Afirman que seguirán atentos á tramitación para asegurar que a resolución definitiva consolide unha transición enerxética xusta, con retorno local, emprego digno e futuro para Cerceda.

Related posts

A Xunta somete a información pública o Plan que permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha

A Deputación da Coruña reforza a rede pública de atención social nos concellos máis pequenos da provincia

O Concello de Zas convoca á veciñanza para abordar a situación do seu Centro de Saúde pola falta de persoal sanitario