Esta semana producirse unha reunión entre o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, persoal técnico do Concello e representantes da empresa Coventina Renovables. Na mesma, a empresa achegou, no prazo de 6 meses, tal e como tiña comprometido, o anteproxecto de abastecemento de auga á urbanización de Monte Xalo.
Trátase dunha obra que ascendería a día de hoxe a 219.273,94€ máis IVE, unha cifra que será integramente sufragada pola empresa no caso de que o proxecto da central hidroeléctrica de bombeo reversible vexa a luz.
O destino do aproveitamento é o abastecemento da poboación, cun caudal de auga de 12,5 litros por segundo, 45m³/h, con 8 horas de bombeo ao día. O volume máximo anual será de 43.200m³, cunhas augas que se derivarán da balsa superior da central hidroeléctrica, procedentes á súa vez do lago das Encrobas. A solución adoptada ten en conta, ademais, un posible incremento da poboación no futuro.
O citado documento describe as obras que conforman o novo abastecemento de auga á urbanización Monte Xalo coa definición necesaria para abordar o seguinte trámite: solicitar a concesión de augas para o abastecemento á poboación, segundo o regulamento do Dominio Público Hidráulico.
A actuación enmárcase nun convenio entre a empresa e o Concello de Cerceda que tamén fai fincapé en compromisos en favor da formación, do emprego local e solucións de autoconsumo para o consistorio.
O alcalde sostivo que «esta obtención é fiel a unha filosofía de equilibrio e progreso sempre presente na nosa acción política. Os proxectos enerxéticos, dentro do cumprimento en materia medioambiental e urbanística, son unha oportunidade de retorno fiscal, emprego e, en definitiva, potenciación do interese público. É unha filosofía que abandeiramos con determinación»
Segundo a empresa, “esta é unha das primeiras iniciativas que prevé desenvolver na zona, reafirmando o seu compromiso coa mellora do entorno e coa xeración dun impacto positivo na comunidade”.