O Concello de Cerceda presenta alegacións contra o Parque Eólico Seixo

O Concello de Cerceda presentou alegacións formais contra o proxecto do Parque Eólico Seixo, promovido por MOWE Enerxía S.L.U., cunha potencia instalada prevista de 77 MW, e reclamou a súa paralización inmediata ata que se revise e actualice de forma integral o Plan Eólico Sectorial de Galicia, aprobado en 1997. O executivo municipal considera que a planificación vixente está completamente superada pola realidade tecnolóxica actual e que a súa aplicación provoca riscos inaceptables para a calidade de vida da poboación e a protección do medio natural e da paisaxe.

Unha das cuestións que máis preocupa ao Concello neste proxecto é a escasa distancia que a normativa actual esixe entre os aeroxeradores e as vivendas ou núcleos habitados. O marco legal do 97 establece un mínimo de 500 metros, pensado para turbinas moito máis pequenas e menos potentes que as actuais. Este parque eólico contempla máquinas de entre 4 e 5,2 MW de potencia unitaria, con palas que poden alcanzar os 132-145 metros de diámetro. Estas características implican un incremento significativo do impacto visual e, sobre todo, do impacto acústico.

Os datos achegados nas alegacións sinalan que o ruído xerado polos novos aeroxeradores pode chegar a duplicar o contemplado no plan sectorial vixente, pasando de 57,2 dB(A) a 108,2 dB(A) a unha velocidade de vento de 10 metros por segundo. Esta magnitude de ruído constitúe un risco potencial para a saúde e o benestar da veciñanza, especialmente en parroquias e aldeas como San Vicenzo, Cima de Arriba, Buzarelos, Belir e Bazal de Arriba, que quedarían dentro da área de afección. Por este motivo o Concello de Cerceda defende que se estableza unha distancia mínima de 1.000 metros entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación.

O trazado da liña eléctrica de evacuación prevista no proxecto tamén xera importantes preocupacións. A combinación de tramos soterrados e aéreos afectaría a parcelas edificables e a zonas de uso residencial ou en expansión, incluído núcleos como San Vicenzo e Xermar, así como solo urbano consolidado do propio núcleo de Cerceda. Ademais, o Concello alerta de que as liñas de alta tensión producen o denominado “efecto coroa”, un fenómeno físico que consiste na ionización do aire ao redor dos condutores, intensificado en condicións de humidade, e que pode xerar ozono e outros contaminantes. Estes efectos poderían afectar a un radio de ata 500 metros, aumentando así os riscos ambientais e para a saúde.

Outro dos argumentos centrais das alegacións é a obsolescencia do Plan Eólico Sectorial de Galicia, que foi aprobado hai case tres décadas. Dende entón, non só se superou amplamente a potencia máxima prevista naquel documento, senón que tampouco se incorporaron as esixencias introducidas polas normativas ambientais, paisaxísticas e de protección do patrimonio aprobadas nos últimos anos. Para o Concello de Cerceda, manter en vigor un plan desta antigüidade supón unha grave carencia na planificación territorial e unha ameaza para a correcta ordenación do desenvolvemento enerxético en Galicia.

Por todo isto, o Concello solicita que se paralice a tramitación do parque eólico Seixo ata que se realice unha revisión profunda e participada do Plan Sectorial, garantindo a incorporación de criterios actualizados de protección ambiental, paisaxística e sanitaria. Así mesmo, demanda que se relocalicen os aeroxeradores para respectar un mínimo de 1.000 metros de distancia aos núcleos habitados e que se modifique o trazado da liña eléctrica de evacuación co fin de evitar a afección directa a vivendas, parcelas edificables e áreas de desenvolvemento urbano.

O goberno municipal reitera o seu compromiso coa transición enerxética e a súa postura favorable á enerxía eólica, sempre que esta transición enerxética sexa xusta e sostible e se realice con respecto polas persoas, polas comunidades e polo medio natural que as sustenta.

Related posts

Un traballador perdeu a vida tras caerlle un ferro enriba en Santa Comba

A Xunta pon en valor o obradoiro dual e o programa integrado de emprego de Arteixo

Un lume iniciado nunha manta eléctrica provoca a morte dun home en Moeche