O Concello de Cerceda presentou a IV edición da carreira solidaria ‘Os 11 das vías’

Acto de presentación_cc.

A proba será o 9 de maio, organizada polo Concello en colaboración co Club Atlética A Silva, o Albergue da Estación e a Federación Galega de Atletismo, visibilizará o traballo da Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG).

Á presentación acudiron o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; o concelleiro de Deportes, Óscar Golán; María Docampo, de ASANOG; María José Fraga, do Club Atlética A Silva, e Miguel García, responsable do Albergue A Estación. 

Ademais de dar a coñecer os detalles da cuarta edición de ‘Os 11 das vías’, tamén se fixo entrega do cheque de doazón da carreira de 2025. Neste caso, a beneficiaria é a Asociación Española contra o Cancro da Coruña, para a que se conseguiron recadar 687 euros.

‘Os 11 das vías’ abrangue tres modalidades co obxectivo de promover a práctica deportiva dun xeito solidario. A principal, de 11 quilómetros, consta de tramos de terra e asfalto e percorrerá parcialmente a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Os primeiros clasificados recibirán premios en metálico.

Por outra banda, organízase tamén unha andaina non competitiva de 5 quilómetros baixo o lema ‘Un paseo pola vía’, así como diversas probas adaptadas para as categorías de menores de idade.

A inscrición pode efectuarse na pasarela de pagamento Carreiras Galegas (www.carreirasgalegas.com) ata as 23:59 horas do 3 de maio. A participación inclúe avituallamento, agasallo conmemorativo, servizo de duchas e xogos tradicionais durante toda a tarde para entreter os máis pequenos, ademais de medallas para nenos e nenas ata a categoría sub-12. Os participantes da andaina poden apuntarse ata o 9 de maio.

Dos 6 euros da inscrición da proba principal, un irá dirixido a ASANOG, mentres que a recadación da andaina (1€ por persoa) será doada integramente á entidade. Os corredores das carreiras de menores non teñen que pagar.

ASANOG é unha entidade sen ánimo de lucro que ofrece apoio integral ás familias con menores diagnosticados de cancro. É a principal causa de morte por enfermidade nesta cohorte de idade. No marco do seu labor altruísta, a asociación ofrece atención psicolóxica, apoio educativo, asesoramento en recursos e pisos de acollida, entre outros.

O concelleiro de Deportes, Óscar Golán, resaltou “o asentamento da carreira na axenda deportiva, unha proba que, ademais, ten unha vocación solidaria” e que “combina actividade física con natureza”. Así mesmo, o edil animou “a todos os veciños, sexan de Cerceda ou doutros concellos, a que participen nesta carreira e gocen do deporte”.

Related posts

A Xunta asina un convenio para construir vivenda protexida en Santa Comba

Cerceda aproba un orzamento de máis de 17 millóns de euros centrado no gasto social e os investimentos

Unha persoa tivo que ser excarcerada tras saírse da vía co seu coche en Mazaricos