O Concello de Corcubión homenaxea a Pepe Miñóns cunha exposición biográfica e unha ofrenda floral 

O Concello de Corcubión organizou unha homenaxe a Pepe Miñóns, empresario e político corcubionés asasinado en 1936 polas forzas franquistas. Coincidindo co 89 aniversario do seu fusilamento, quedou inaugurada na Casa da Cultura unha exposición biográfica sobre a súa figura, que estará dispoñible ata o 15 de decembro.  

Ademais, levouse a cabo unha ofrenda floral no monólito de Pepe Miñóns, na Praza Castelao. Un acto encabezado polo alcalde Xabier Domínguez Traba, do BNG, que pronunciou un discurso lembrando a figura do homenaxeado , e ao que tamén acudiron membros da corporación municipal e veciñanza de Corcubión e a comarca.  

O rexedor corcubionés salientou que «Pepe Miñóns foi un home profundamente ligado á historia do noso concello e ao noso país; un home que, coa súa vida e coa súa traxectoria, simbolizou o compromiso coa liberdade, co progreso e coa dignidade democrática nun tempo no que defender estes valores supuña un acto de enorme coraxe, pero que viu a súa vida brutalmente interrompida pola represión franquista». 

Xabier Domínguez sinalou que Miñóns destacou «como avogado, intelectual e deputado, e traballou sempre pensando nunha Galiza máis xusta, máis culta e máis humana», e subliñou que lembrar a súa memoria «é asumir a responsabilidade de non esquecer».  

«Que este acto sirva para manter viva a súa memoria e para reafirmar o noso compromiso co que el representou. Porque Pepe Miñóns non é só un nome na historia: é un exemplo que continúa iluminando o noso presente», concluíu o alcalde. 

Related posts

A selección española feminina de fútbol revalidou o título da UEFA Nations League

A Casa da Cultura acolleu este martes o 2º Pleno Infantil do Concello da Laracha

O Castelo de Vimianzo acollerá unha exposición de olería