O Concello de Ferrol acomete melloras no parque infantil e zona verde de San Pablo

1 minutes read

O Concello de Ferrol continúa co desenvolvemento do plan municipal de mellora e acondicionamento dos parques infantís da cidade cunha intervención estes días no de San Pablo, onde xa rematou a substitución do bordo da zona de xogos por outro de madeira tratada e aportarase máis garbancillo. A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, visitou o parque acompañada por técnicos municipais e representantes veciñais do barrio para supervisar os traballos desenvolvidos e abordar novas actuacións. 
A edil trasladou aos veciños que se colocaron na zona verde dúas novas mesas de picnic “para facilitar ás familias do barrio que gocen deste espazo cos seus fillos e teñan un sitio onde dar a merenda ou supervisar aos pequenos”. O fin, dixo, é acondicionar este espazo de esparexemento de San Pablo nun lugar máis cómodo para os usuarios”.