O Concello de Ferrol inicia as obras de renovación do pavimento no Callao

1 minutes read

O inicio da obra de renovación do pavimento na praza do Callao motivará durante as vindeiras semanas cambios no tráfico do centro da cidade. Dende este xoves a rúa da Igrexa permanecerá pechada á circulación dende a praza de Galicia. Unicamente estará habilitada para o acceso dos usuarios do aparcadoiro subterráneo do Cantón, que despois deberán saír a través de Rubalcava. Esa excepción á prohibición de paso pola rúa peonil unirase ás actuais (servizos, carga e descarga, residentes). 
Estas modificacións afectarán tamén ao servizo de autobuses urbanos. A parada do Callao estará anulada mentres duren os traballos, polo que os usuarios deberán optar pola da praza de Galicia ou a da praza de España, que son as máis próximas. Os vehículos de transporte público alterarán o seu percorrido por Irmandiños, avenida de Esteiro e Españoleto para retomar a ruta habitual no cruce con Rochel. Colocaranse carteis nas marquesiñas para informar dos cambios. 
En canto ás obras en si, xa se iniciou a sinalización e o peche de rúas, e a continuación procederase á descarga da primeira maquinaria para a retirada do actual pavimento de lastras de granito, que será substituído por formigón.