O Concello de Ferrol entrega axudas para alimentación e necesidades básicas a 484 familias

1 minutes read
  • O gasto realizado pola concellería de servizos sociais desde o decreto de estado de alarma co fin de protexer aos máis vulnerables da cidade ascende a 97.115 euros.

No primeiro mes de confinamento, o Concello de Ferrol repartiu axudas para afrontar os gastos de alimentación e produtos de primeira necesidade a un total de 484 familias. A actual situación de estado de alarma, decretado polo Goberno central o pasado 14 de marzo, xerou que a realidade económica de moitas persoas empeorara tras a suspensión da actividade na maioría de empresas e negocios, aumentando así a súa vulnerabilidade e precariedade.  
As axudas para afrontar o gasto da comida diaria das familias máis necesitadas da cidade así como de produtos de hixiene e limpeza foi unha das primeiras medidas postas en marcha polos servizos sociais, que dirixe Eva Martínez. Só neste mes supuxo un gasto de 97.115 euros. A estas medidas súmanse as axudas para adquirir medicamentos, que tamén se están a conceder ás persoas que os necesitan e que agora non poden afrontar dita compra, un esforzo que eleva o gasto de servizos sociais a preto de 100.000 euros.  
O fin, explica a edil, “é cubrir as necesidades básicas xeradas pola situación de emerxencia que estamos a vivir como consecuencia da crise sanitaria do Covid-19, que provocou que moitas familias empeoraran a súa situación económica”.