O Concello de Ferrol repartirá desde este martes 8.000 máscaras entregadas polo Goberno

2 minutes read
  • Este fin de semana tamén se entregaron no CHUF 174 unidades do tipo FFP3 (159 desbotables e 15 reutilizables) e 290 pares de filtros de reposto

O Concello de Ferrol comezará a distribuír este martes as 8.000 máscaras que lle entregou no día de onte a Delegación do Goberno. Dende a área de Seguridade, que se encargará do reparto en colaboración coa Policía Nacional, decidiuse agardar ao primeiro día laborable tras a Semana Santa, no que algunhas actividades non esenciais volven ao traballo, xa que este luns foi festivo local na cidade.

Voluntarios de Protección Civil, persoal do Corpo de Bombeiros e axentes da Policía Local, en coordinación coa Nacional, levarán a cabo a distribución das máscaras e está previsto que, ademais de facelo nas terminais de autobuses e de ferrocarril, varias patrullas percorran as paradas de bus para facilitarllas aos viaxeiros, segundo o operativo establecido pola concellería que dirixe Germán Costoya.

Esta fin de semana tamén se entregaron no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) 174 máscaras do tipo FFP3. Delas, 159 eran desbotables, mentres que 15 unidades son reutilizables e ían acompañadas de 290 pares de filtros de reposto da mesma categoría. Dende o inicio da crise do COVID-19, o Concello xa levaba facilitadas ao CHUF máis de 2.000 máscaras do tipo FFP2.

Tamén a área de Benestar Social do Concello se beneficiou nos últimos días da entrega de equipos de protección individual (EPI. En total, fíxoselle entrega de 7.000 luvas, 2.000 máscaras cirúrxicas, 70 buzos, 1.218 guantes de limpeza e 18 garrafas de xel hidroalcohólico, de 5 litros cada unha. A maior parte deste material vai ser distribuída hoxe, martes, entre os traballadores das cinco empresas que prestan os servizos de axuda a domicilio para o Concello, entre cinco pequenas firmas que se encargan deste tipo de traballos fóra do ámbito da administración e entre entidades sociais coma Cáritas, o albergue Pardo de Atín, Adra, Dignidad, o Banco de Alimentos, Dios y Pan, Alcohólicos Anónimos e Movilidad Humana. O resto recibirano o persoal da concellería que está a atender de xeito presencial e o albergue provisional instalado na Casa do Mar.