O Concello de Frades, exemplo de boas prácticas no eido social

Cedida

O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, participou nunha xornada técnica organizada pola Deputación da Coruña onde se puxo de exemplo o concello de Frades por as súas boas prácticas no eido social polos seus programas de eliminación de barreiras arquitectónicas e adquisición de axudas técnicas dirixidas a persoas en situación de dependencia e/ou discapacidade.

“O obxectivo destas axudas era mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas para que acaden unha maior autonomía persoal, toda vez que coa pandemia sanitaria moitas persoas que se achegaban ao fogar de persoas maiores e dependentes para prestarlles apoios, coidados e compañía, tiveron que deixar de facelo para evitar contaxios”, explicou Ferreiro Marzoa. Unha liña de subvencións ás que o Concello de Frades destinou 40.000 euros, procedentes do POS+Adicional promovido pola Deputación da Coruña.

Continuidade das axudas

As axudas oscilaban entre os 1.200 e os 4.000 euros e contemplaban dúas liñas de gasto. A primeira era para axudas técnicas e produtos de apoio para a mobilidade, para hixiene persoal, para o descanso e para a comunicación. A segunda estaba dirixida á eliminación de barreiras arquitectónicas e adaptación funcional do fogar: adaptación de pavimentos, adecuación das portas para permitir o paso de cadeiras, pasamáns, ramplas…

Co fin de continuar mellorando a autonomía persoal e a accesibilidade dos seus domicilios, o Concello de Frades optou por ampliar estes servizos neste ano, coa posta en marcha dun servizo gratuíto de préstamos de axudas técnicas para a mobilidade ou o servizo de bono-taxi, que permite o traslado gratuíto de veciños e veciñas do municipio maiores de 65 anos ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% para poder acudir a citas médicas programadas en centros sanitarios do Sergas dentro da provincia da Coruña. Dous servizos que se unen a outros xa existentes como o servizo de axuda no fogar, o de teleasistencia, podoloxía, fisioterapia ou perruquería a domicilio, que xa levan anos en marcha e cunha resposta moi positiva por parte da veciñanza polos que pon o concello de Frades na cabeza no eido social da provincia.