O Concello de Frades presenta alegacións ao parque eólico Brancellao

1 minutes read

O Concello de Frades vén de presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Brancellao, de 140 MW, accesos a infraestruturas eléctricas de evacuación nos concellos de Boimorto, Curtis, Vilasantar, Frades, Mesía, Ordes e Carral, dentro do prazo de información pública aberto pola Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que o estudo realizado polo Concello determina que “a actuación pretendida no parque eólico Brancellao non resulta compatible nin co planeamento, nin co medio socioeconómico e produtivo do Concello de Frades”.

Para comezar, o emprazamento de todo o parque eólico Brancellao incumpre as disposicións da Lei 8/2009 de Planificación do aproveitamento eólico de Galicia, cuxo artigo 6.4 establece que non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia. “Neste caso, a totalidade dos aeroxeradores se atopan fóra das delimitacións máis próximas das áreas de desenvolvemento eólico e algún deles afecta a terreos incluídos na Rede Natura”, sinala Rey Martínez, “pero é o aeroxerador 25, que é o que afecta á nosa parroquia de Vitre, está dentro da área de influencia de 500 metros do núcleo rural de Aboi, o que non resulta compatible co disposto no plan sectorial vixente. Ademais, tamén afecta á área de protección integral do castro de Aboi e está na área de influencia da Igrexa Parroquial de Vitre”.

A maiores, os terreos nos que se asenta o aeroxerador que afecta ao termo municipal de Frades foron obxecto de concentración parcelaria polo que “a actuación resulta incompatible cos obxectivos que motivaron a parcelaria e suporá unha diminución da capacidade produtiva destes terreos, o que repercutiría negativamente sobre o medio socioeconómico das parroquias de Céltigos e Vitre”, conclúe o alcalde de Frades.