O Concello de Laxe e a Xunta estudarán como financiar a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres

1 minutes read
  • O alcalde trasladoulle á conselleira a súa intención de que Laxe se adhira este ano ao programa de vivendas baleiras da Xunta

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Laxe estudarán as posibilidades de colaborar nun proxecto municipal que ten como obxectivo acometer a rehabilitación dun grupo de antigas vivendas de mestres e poñelas no mercado para alugueiro social. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez co alcalde José Luis Pérez durante a reunión que mantiveron este mércores para tratar diferentes asuntos de interese municipal en materia residencial.

Concretamente, o Concello de Laxe é titular dunha decena das chamadas vivendas de mestres, inmobles que antigamente os concellos lle asignaban aos profesores para vivir como un dereito vencellado á súa actividade profesional. Nun primeiro momento, a intención do Goberno local é intervir só en tres destas vivendas, deixando para máis adiante o reacondicionamento das outras sete.

Por outra banda, José Luis Pérez tamén aproveitou o encontro para trasladarlle á conselleira a súa intención de que Laxe se adhira este mesmo ano ao programa de vivendas baleiras da Xunta, creado en 2016 por convenio coa Fegamp como un instrumento ao servizo das entidades locais, que son as encargadas de sumar vivendas ao mesmo (de titularidade privada ou pública) e posteriormente, adxudicalas.