O Concello de Malpica aclara as incidencias detectadas no censo electoral

2 minutes read
Concello de Malpica_GOOGLE MAPS

O Concello de Malpica emitiu un comunicado para tratar de aclarar a situación xerada tras detectarse que varios mozos e mozas empadroados no municipio non figuran no censo electoral correspondente ás próximas eleccións xerais do 29 de novembro.


Unha vez coñecidos estes casos, realizáronse as comprobacións oportunas co traballador municipal responsable do Padrón, confirmándose que as altas por nacemento están enviadas ao Instituto Nacional de Estadística (INE). Para acreditar esta actuación, o concello dispón dos correspondentes xustificantes individuais de envío, que tamén foron amosados ás persoas interesadas que acudiron ás dependencias municipais.


O responsable municipal explicoulles igualmente que o censo electoral conta cun período de exposición pública no que a cidadanía pode consultar os seus datos e presentar as reclamacións oportunas.


No caso destas eleccións, o prazo extraordinario de exposición e reclamación do censo rematou o pasado 19 de outubro.
Neste sentido, as citas que se están facilitando para o día 30 de novembro teñen como finalidade atender ás persoas afectadas, informarlas da súa situación e orientalas sobre os trámites que poidan realizar de cara a próximas eleccións, xa que o prazo correspondente a este proceso electoral está pechado. Polo tanto, estas citas non permiten modificar o censo das eleccións do 29 de novembro nin incorporar as persoas afectadas a ese proceso.


A XESTIÓN DO CENSO ELECTORAL É COMPETENCIA DA OFICINA DO CENSO ELECTORAL


O Concello lembra que o Padrón municipal e o censo electoral son dous instrumentos administrativos diferentes, aínda que están relacionados.


O Padrón municipal é competencia do Concello e recolle os datos das persoas que residen no municipio. Entre as súas obrigas está a de comunicar ao INE as variacións padroais mediante remisións mensuais.


Pola súa banda, a Oficina do Censo Electoral (OCE) está integrada no Instituto Nacional de Estadística (INE), organismo adscrito ao Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, e exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central, tal e como establece o artigo 29 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).


A OCE é o organismo responsable da formación e actualización do censo electoral, da elaboración das listas electorais e da tramitación das reclamacións relativas á inclusión ou exclusión das persoas no censo. Os concellos colaboran neste procedemento remitindo a información das variacións padroais.


O Concello de Malpica cumpre coa súa obriga de remitir ao INE as variacións padroais de maneira mensual. Segundo informa o traballador municipal responsable, as altas das persoas afectadas foron tramitadas e remitidas, e existen xustificantes individuais que acreditan estes envíos.


Ante a aparición destes casos, o concello púxose en contacto coa Oficina do Censo Electoral aos efectos de aclarar os motivos e/ou as causas que provocaron esta situación para que sexan emendadas á maior brevidade posible.


O Concello de Malpica reitera o seu compromiso coa transparencia, coa correcta prestación dos servizos municipais e co dereito da veciñanza a recibir información clara e veraz sobre os trámites administrativos que lle afectan.