Trátase dunha actuación incluída no POS+ 2025 da Deputación da Coruña. Os traballos foron adxudicados á empresa Construciones J. Mauri e Hijos, S.L., por un importe de 204.225,20 euros, IVE incluído.
A actuación ten como finalidade mellorar as condicións deste vial, tanto no relativo ao seu trazado e anchura como á seguridade e comodidade da circulación, dando resposta a unha necesidade existente nesta zona da parroquia de Leiloio.
A obra contempla o ensanchamento e mellora da estrada desde Brión ata O Castro, contribuíndo así a dispoñer dunha vía en mellores condicións para o tránsito diario da veciñanza e para o acceso aos diferentes núcleos e propiedades situados ao longo do percorrido.
O prazo establecido para a execución dos traballos é de seis meses, contados desde o día seguinte á sinatura da acta de comprobación do replanteo.
Desde o Concello de Malpica salientan a importancia de continuar destinando recursos á mellora das infraestruturas viarias das parroquias, especialmente no rural, onde o mantemento e a mellora das vías de comunicación son fundamentais para garantir unhas boas condicións de accesibilidade e seguridade.
Esta nova actuación súmase así aos investimentos que o Concello está a desenvolver nas distintas parroquias de Malpica para mellorar progresivamente os servizos, os accesos e as infraestruturas municipais, atendendo ás necesidades da veciñanza.
O investimento no rural e a mellora das comunicacións entre os núcleos do municipio continúan sendo unha das prioridades da actuación municipal.
